A Audiencia xulga esta semana os fundadores e un socio dun club de cannabis de Pontevedra
Por Redacción
A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra reservou dous días da próxima semana para xulgar os dous fundadores da Asociación Casa María, creada como un club social de cannabis na cidade de Pontevedra, para quen a Fiscalía pide catro anos de prisión como autores de delitos contra a saúde pública e asociación ilícita.
O xuízo celebrarase o martes 26 e o xoves 28 e sentará no banco aos fundadores e a un socio do club. Pídelles dous anos de condena e multa de 7.000 euros por un delito contra a saúde pública e outros dous anos máis de cárcere e multa de 1.400 euros para os dous fundadores por un delito de asociación ilícita.
Esta asociación estaba inscrita no Rexistro de Asociacións da Xunta en xuño de 2012 e tiña a súa sede na rúa Tristán de Montenegro onde se descubriu un secadoiro de plantas e punto de venda de marihuana para os seus 129 asociados.
No marco da investigación instruída polo Xulgado número 1 de Pontevedra detállase que estes acusados alugaron unha casa na localidade de Vilaboa onde producían plantas de marihuana que logo secaban e vendían en bolsas desde o piso da rúa Tristán de Montenegro.
Nos estatutos figura que entre os fins desta asociación estaba "evitar o perigo para a saúde dos seus usuarios inherente ao mercado ilegal de cannabis".
A Policía Nacional chamou á investigación "Operación Duelo" e desenvolveuse en colaboración coa Policía Local, incautándose 5,2 quilos de marihuana, ademais de numerosos útiles para o cultivo e a distribución polo miúdo destas sustancias.
Relacionadas:
-
Fiscalía reduce a 6 meses de prisión a petición de pena para os responsables de Casa María
Por Oskar Viéitez |
-
Persoas con lupus, migrañas e hiperactividade respaldan o uso terapéutico de cannabis no club 'Casa María'
Por Redacción |
-
Representantes de 'Casa María', acusados dun delito contra a saúde pública, defenden ante o xuíz o uso terapéutico do cannabis
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
A Fiscalía pide catro anos de prisión aos fundadores dun club de cannabis de Pontevedra
Por Redacción |