Anabel Gulías asegura que Urbanismo leva as licenzas ao día e xustifica algúns atrasos en "cuestións alleas"
Por Oskar Viéitez
Acudiron ao Concello para "buscar solucións aos problemas e atrasos que sofren os empresarios na concesión de licenzas en Pontevedra". Eles eran, Eduardo Barros e Lucía Pedroso, en representación da Cámara de Comercio; José María Corujo, presidente de AEMPE; Pablo Fernández, presidente de AJE Pontevedra; Arturo Ramírez, representante de Aproin e Agustín Nogueira, portavoz da Plataforma Proindustria.
A concelleira de urbanismo, Anabel Gulías reaccionou sorprendida á iniciativa dos empresarios aos que respondeu que o Concello "desde hai un tempo" leva as licenzas "ao día" cinguindo os atrasos de seis meses na concesións a "dous únicos casos" que xustificou en "cuestións alleas" ao ámbito municipal. "Ben porque non se achega a documentación necesaria, ben porque dependemos de informes sectoriais que non necesariamente dependen do Concello", dixo.
Concretamente, o lobby empresarial referiuse á licenza de construción dun edificio de vivenda nova paralizado desde outubro de 2017. Segundo Gulías requiríuselle ao promotor unha serie de documentación e o Concello non a recibiu ata o pasado mes de maio. "Así que debería contar a partir de aí", puntualizou.
A concelleira de Urbanismo tamén citou o exemplo un expediente parado desde 2015 por mor dunha autorización sectorial de Cultura da Xunta. "Desde logo, a responsabilidade non pode ser do goberno local", apuntou.
Finalmente a edil nacionalista destacou que "desde o Concello sempre se buscan e apuran todas as vías", para atender as demandas dos cidadáns.