A Deputación inicia unha nova selección de mestres composteiros para os concellos
Por Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra abriu este xoves o proceso para seleccionar novos mestres composteiros que traballen nos concellos adheridos ao Plan Revitaliza. O Boletín Oficial da Provincia publica a convocatoria e bases que rexerán a selección e abre un prazo de 15 días para que as persoas interesadas en formar parte da bolsa de emprego presenten solicitudes.
Os postos ofertados constituirán unha categoría de empregados nivel C1 que desenvolverán as tarefas de revisión e control dos centros de compostaxe comunitarios distribuídos por cada concello adherido ao plan provincial que solicite persoal. Tamén realizarán labores de comunicación e formación da cidadanía interesada en participar.
O sistema de selección de candidatos desenvolverase en dúas fases a través dun sistema de concurso-oposición. Na primeira fase (oposición) haberá tres exercicios: un tipo test obrigatorio e eliminatorio, unha entrevista persoal para falar sobre o currículo e contestar preguntas do tribunal sobre o desempeño do seu posto de traballo e outro exercicio de tradución ao galego.
Na fase de concurso valoraranse os méritos dos interesados, atendendo á súa experiencia profesional, méritos académicos, prácticas ou cursos relacionados coa compostaxe.
A cobertura dos postos de traballo en cada concello efectuarase segundo a orde de puntuación acadada nas probas, que determinará a bolsa de emprego. Unha vez concluídos os procesos selectivos e os aprobados de maior nota serán nomeados funcionarios interinos. Os restantes candidatos, pola orde da puntuación obtida, poderán ser chamados se concorren renuncias ás prazas, pasando a formar parte dunha lista de reserva.
Relacionadas:
-
O Concello activa o proceso para contratar 26 novos traballadores
Por Alejandro Espiño |
-
Os "concellos Revitaliza" recibirán unha nova inxección de dous millóns de euros
Por Redacción |
-
Comeza o reparto de composteiros individuais do Plan Revitaliza en Vilaboa
Por Redacción |
-
A Deputación abre un proceso participativo para elaborar a súa ordenanza de compostaxe
Por Redacción |