Lifting asfáltico á estrada municipal de Barbudo a Chaín, despois de 40 anos de uso
Por Redacción
A estrada municipal que transcorre entre Barbudo e Chaín, no municipio de Ponte Caldelas, conta cun novo asfaltado. Este percorrido superior a tres quilómetros atopábase en malas condicións e os veciños viñan reclamando a súa reparación.
O goberno local dividiu a obra en dúas fases. Durante 2017 executouse o primeiro tramo, desde Barbudo ata a metade do percorrido. Nas últimas semanas completáronse os 1.500 metros que quedaban ata alcanzar o núcleo de Chaín. O novo aglomerado conta cun espesor mínimo de seis centímetros.
Nestes traballos investíronse 51.000 euros e encáixase dentro do plan de mellora de camiños municipais da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader). A estrada ofrece acceso a montes comunais da comunidade de montes de Chaín e Barbudo, segundo informa o Concello de Ponte Caldelas.
Este percorrido, que leva 40 anos de uso, é empregado por un alto número de transportistas do sector da madeira. As obras tamén contemplan a limpeza dos laterais e pintado das sinalizacións viarias.