O feminismo volve saír á rúa en Pontevedra contra o crime machista de María Magdalena en Porriño
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
CHAMA AO 016. Teléfono de balde de información e asesoramento ás vítimas da violencia de xénero
A María Magdalena Moreira Alonso a morte chegoulle en forma de tres tiros e de machismo. O seu marido, Tomás Romero Iglesias, non aceptou a separación que se ía materializar ese mesmo día e, antes que vela libre ou lonxe del, decidiu acabar coa súa vida. Colleu a escopeta para a que tiña licencia e disparoulle tres veces. Despois, matouse dun tiro a moi pouca distancia dela. Os dous estaban tendidos no chan do garaxe cando chegou o seu fillo e, con 27 anos e xa orfo, converteuse nunha nova vítima da violencia machista ao ver o resultado nos dous cadáveres.
Para que a tráxica morte de María Magdalena non quede no esquecemento e para intentar que non se repitan as violencias que a levaron a engrosar a cada vez máis numerosa listaxe de vítimas da violencia de xénero en España, mulleres e homes feministas volveron saír á rúa en Pontevedra este mércores.
Pouco máis de 48 horas despois do primeiro crime machista do ano en Galicia, varias decenas de persoas volveron encontrarse no lugar habitual de condena do machismo e o patriarcado, a praza situada ante a Audiencia Provincial de Pontevedra e volveron gritar: "Non estamos todos, faltan as mortas".
O Colectivo Feminista de Pontevedra, sindicatos como CIG, políticos de PSOE, BNG ou Marea Pontevedra e persoas á marxe de siglas uníronse para lembrar a María Magdalena e ao seu verdugo, que deixou unha nota recoñecendo a súa responsabilidade e pedindo perdón aos dous fillos aos que cunha mesma escopeta lle arrebatou a seu pai e a súa nai. Lembráronos aos dous e tiveron un recordo a todos os feminicidios, dos que insisten en que xa son "unha epidemia".
Este crime rexistrado este luns nunha parroquia de Porriño estivo moi presente, pero tamén datos como os dados a coñecer recentemente pola ONU: a metade de todas as mulleres mortas no mundo son asasinadas pola súa parella ou ex parella e unha cada dúas mulleres é asasinada por algún coñecido que dicía amala.
Os manifestantes reclamaron nun manifesto que é urxente que se abran discusións sobre a problemática de xénero nas escolas e preciso que se aborde desde idades temperás a violencia de xénero, que se combatan os estereotipos, que se cuestione o poder, as relacións desiguais, a violencia machista e que se fale das opresións, dos privilexios de xénero e de educación sexual.
"Querémonos vivas", volveron gritar, acompañadas de carteis que gritan á súa vez que "estamos na rúa porque o machismo mata" e piden "o machismo mata, non sexas cómplice". Todo para visiblizar o seu rexeitamento a unha situación "insostible" e que a sociedade entenda "que non lle pertencemos a ninguén". E que despois de María Magdalena pode vir calquera, unha filla, unha nai, unha veciña, unha compañeira de traballo, unha sobriña, unha amiga. Calquera, tan só polo feito de ser muller.
Relacionadas:
-
RADIO.- Conversas na Ferrería: Foi 2017 o ano da revolución feminista?
Por Marisa Ciordia |
-
Pontevedra concéntrase o martes en repulsa polo crime machista de Diana Quer
Por Natalia Puga |
-
Convocan a unha concentración de repulsa ante o Teatro Principal polo crime da moza de Vigo
Por Redacción | Creada e actualizada