As obras na estrada de San Vicente pararán a finais de xuño para evitar molestias
Por Redacción
O deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, visitou este mércores os traballos de mellora da estrada EP-9106 en O Grove, que pararán a finais de xuño para evitar molestias á veciñanza e ao turismo durante os meses de verán.
Xa está rematado todo o ensanche da sección da plataforma, as canalizacións de telefonía e electricidade, así como a instalación de tubaxes de saneamento e pluviais.
O deputado nacionalista explicou que se acondicionará todo o ámbito de actuación para que no verán quede garantida a seguridade dos usuarios e que os traballos se retomarán en setembro coa finalidade de cumprir o prazo de catro meses de execución.
O responsable da rede viaria da Deputación apuntou a súa satisfacción ao ver que unha vez se vai executando a obra se visualiza que "será un exemplo de como se poden facer obras doutra maneira".
O proxecto ten un ámbito de actuación de 900 metros entre o cruce coa estrada provincial EP-9101 e a igrexa de San Vicente. Haberá unha senda de 2,5 metros de largo delimitada por elementos de iluminación e con rodadura diferenciada de formigón, e zonas de convivencia de peóns e coches sobreelevadas nas que haberá prioridade peonil e os vehículos non poderán superar os 20 quilómetros hora.
Como elementos de seguridade viaria instalaranse cinco pasos de peóns sobreelevados e dez redutores físicos de velocidade de vehículos. Ademais, incluirase o derrubamento dunha parte dunha construción nunha curva moi pechada que impedía a visibilidade para os condutores. A actuación incluirá a reforma da contorna da igrexa de San Vicente.