Cerdedo-Cotobade solicitará unha axuda á Deputación para mellorar a travesía de Tenorio
Por Oskar Viéitez
O pleno do Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de aprobar a solicitude para que a Deputación sufrague a humanización e a mellora de beirarrúas e da seguridade viaria na vella travesía de Tenorio.
A folla de ruta do goberno local pasa por dispoñer da maior contía posible para este investimento, pero os cálculos realizados apuntan a que mellora beneficiará á parte central desta travesía nun treito de aproximadamente un quilómetro. Iso si, a súa intención é que esta primeira fase teña continuidade e se vaia completando paseniñamente a mellora desta estrada e das súas beirarrrúas nos vindeiros exercicios.
O plan Deporemse da administración provincial pretende modernizar a mobilidade peonil favorecendo as conexións de espazos de emprego, dotacionais, sanitarios ou educativos.
O goberno local cre que o proxecto de Tenorio encaixa á perfección con este plan ao contar co colexio, a gardería e o IES, o centro de saúde e o futuro auditorio e local social, ademais dos espazos da banda de música.