O alcalde de Cuntis alerta nun bando da presenza de estafadores que queren cambiar os contadores da luz
Por Redacción
O alcalde de Cuntis, Manuel Campos Velay, emitiu un bando este mércores para alertar á cidadanía da presenza de individuos que están a intentar estafar aos veciños, sobre todo, nas zonas do rural.
Segundo o comunicado do alcalde trátase de persoas que se fan pasar por traballadores de empresas eléctricas. Achéganse polas vivendas para informar sobre a obriga de cambiar o contador da luz. Os estafadores cobran unha taxa e solicitan a entrada nos domicilios.
O Concello sinala que este cambio de contador corresponde ás empresas eléctricas autorizadas e non supón coste económico para os usuarios. Manuel Campos pide aos veciños que sexan especialmente prudentes e requiran a acreditación a calquera operario que se pase polas súas casas.
Recomenda, ademais, que se denuncie o caso sempre que o individuo solicite o pagamento dunha cantidade económica.