Acondicionan o parque infantil da Casa do Pobo de Laxoso
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas vén de acondicionar e reparar completamente o parque infantil situado na contorna da Casa do Pobo de Laxoso. O parque atopábase, como moitos outros do rural caldelán, nunha situación de abandono pola total falta de mantemento.
O valado perimetral quedou pintado en diversas cores e os xogos xa están en perfectas condicións de uso, despois do seu lixado, vernizado e substitución de todas as pezas deterioradas.
Tamén o bar situado no aparcamento da Casa do Pobo de Laxoso, utilizado habitualmente pola veciñanza durante as súas festas e celebracións, quedou acondicionado polo Concello. A construción foi recrecida na soleira superior para crear un espazo onde aloxar convenientemente os motores das cámaras frigoríficas.
O goberno local recibiu a petición da veciñanza para solucionar o problema derivado da mala instalación dos motores, situados ata o de agora nunha pequena caseta superior con paredes e cuberta precarias.
As deficiencias quedaron perfectamente resoltas tras a construción dun novo espazo amplo, perfectamente pechado e con tellado de chapa metálica. Ao mesmo tempo, os operarios municipais substituíron o peche frontal, que estaba executado en bloques por un muro de ladrillo revocado con cemento.