Retiran a acusación contra unha das seis persoas procesadas por unha rede galego-albanesa de narcos
Por Redacción
A sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra deixou este martes visto para sentenza o xuízo contra unha rede con domicilio en Pontevedra acusada de dedicarse á venda en Galicia e o norte de Portugal de heroína que previamente traían desde Valencia e gardaban e adulteraban nunha vivenda de Sanxenxo.
O xuízo concluíu este martes cunha redución das condenas que a Fiscalía pide para os procesados e unha sorpresa, a retirada da acusación contra unha das seis persoas que sentaron no banco dos acusados. Trátase de C.C.M. e o fiscal pediu que deixe de estar acusado e, por tanto, quede libre de culpa e condena.
O fiscal, que inicialmente pedía para a rede de narcotraficantes penas que sumaban entre todos 60 anos de cárcere por delitos contra a saúde pública, falsidade en documento oficial e tenencia ilícita de armas, reduciu finalmente as peticións, pero, de todos os xeitos, para o principal acusado, J.M.G., aínda mantivo que o tribunal debe impoñerlle 17 anos e nove meses de cárcere: oito anos e nove meses por narcotráfico, tres anos por tenencia ilícita de armas e tres anos por cada un dos dous delitos de falsidade que lle atribúe.
O fiscal recolle no seu escrito de acusación que como consecuencia do labor investigador do Equipo contra o Crime Organizado da Garda Civil en Galicia (ECO Galicia) tívose coñecemento de que os investigados J.M.G. e A.H., este último con pasaporte albanés, pero en situación de estancia regular en España, dedicábanse desde facía tempo á venda de cocaína e, especialmente, heroína na zona de Galicia e Norte de Portugal.
Tras o xuízo, no que A.H. recoñeceu que dirixía desde a cidade de Pontevedra esa rede internacional de narcotráfico, reduciu a pena para este último e pasou a pedirlle oito anos e medio de cárcere: sete e medio por narcotráfico e seis meses por cada un dos dous delitos de falsidade.
Para o acusado E.L., nacido en Albania e en situación de residencia irregular en España, o fiscal pide seis anos e un medio de prisión e que, en metade da pena, sexa expulsado de territorio español.
Para o procesado D.C.F. a pena fixouna en seis anos e medio de prisión: catro e medio por tráfico de drogas e dous anos por tenencia ilícita de armas. Para o quinto dos acusados, VM.S.C., a pena debería ser, na súa opinión, catro anos e nove meses: tres anos e nove meses por tráfico de drogas e un ano por tenencia de armas.
A acusación baséase en que, para o desenvolvemento da súa actividade de narcotráfico, os investigados adquirían importantes partidas de droga de persoas non identificadas asentadas en Valencia, que posteriormente gardaban e adulteraban nunha vivenda que para tal efecto tiñan alugada en Sanxenxo. Posteriormente, e utilizando diversos vehículos preparados para o efecto para o transporte de droga, distribuían a substancia estupefaciente entre os seus clientes portugueses e galegos.