Detidos tres individuos por roubos en establecementos comerciais e hostaleiros de Pontevedra
Por Oskar Viéitez
Axentes da Policía Nacional da Comisaría Provincial de Pontevedra identificaron e detiveron tres individuos entre os 21 e 43 anos de idade, con domicilio en Vigo, con antecedentes policiais, como presuntos autores de polo menos dous delitos de roubo con forza en establecementos comerciais e de hostalería da cidade e zonas limítrofes.
En ambos os casos tras forzar as portas de acceso subtraían as caixas rexistradoras e esnaquizaban as máquinas comecartos.
Segundo informaron fontes oficiais da Comisaría Provincial, na madrugada do día 15 de xuño recibiuse unha chamada na central do 091 alertando da presenza de tres individuos no interior dun establecemento dos arredores da cidade.
Ao chegar ao lugar os axentes observaron como un vehículo saía fuxindo a gran velocidade. Os policías saíron tras o coche e o condutor comezou a realizar unha serie de manobras para tratar de sacar ao vehículo policial da estrada poñendo en grave risco ao resto de condutores que circulaban pola vía.
O vehículo chegou a impactar contra o dos axentes policiais e tras deterse dous dos ocupantes saíron fuxindo e tiráronse por un terraplén por unha zona con abundante vexetación onde foron interceptados polos axentes cando permanecían acazapados.
Os axentes detiveron a ambos os individuos así como ao condutor do vehículo polo roubo con forza polo que foron sorprendidos tras golpear cunha maza o enreixado do local.
A maza foi localizada no maleteiro do vehículo xunto cun xogo de luvas e un pasamontañas, nos asentos posteriores os axentes atoparon unha bandexa de caixa rexistradora e unha caixa de caudais dunha máquina comecartos con moedas aínda no seu interior.
Os axentes trasladaron a dependencias policiais lle vehículo implicado nos feitos delituosos para levase cabo á correspondente inspección ocular por parte dos axentes da Brigada de Policía Científica.
Os axentes puideron constatar que na maioría dos casos subtraían diñeiro das caixas rexistradoras e das máquinas recreativas