Avalían o estado de conservación de cinco petróglifos en Cuntis
Por Redacción
Durante este mes de xuño leva a cabo en Cuntis un proxecto arqueolóxico que se centra na limpeza superficial, rexistro dixital e na conservación de cinco petróglifos.
Cun investimento para a rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico-cultural da Deputación de Pontevedra, está a traballarse en bens arqueolóxicos de Outeiro de Cartas, Outeiro de Cardecide, Outeiro da Ran, Outeiro de Vales e Outeiro de Forno de Tella, situado na contorna do polígono industrial.
Entre os anos 2011 e 2015, os petróglifos non se someteron a traballos de mantemento que lles corresponden ao Concello. Esta situación causou o aumento de liques e brión, que están a invadir parte das rochas, provocando que algúns gravados queden ocultos.
Na contorna están a tallarse árbores, ademais de retirar a maleza e intervense nos petróglifos cunha limpeza superficial e a realización de modelos fotogramétricos para elaborar un modelo de gran resolución en tres dimensións, que permitirá comprobar se existen outros gravados imperceptibles a primeira ollada.
O petróglifo de Outeiro da Ran é a primeira vez que se intervén sobre el, polo que se está estudando a opción de conectalo ao carreiro que conecta o resto de achados arqueolóxicos na zona.
No Outeiro de Forno da Tella recuperouse unha segunda roca situada a unha distancia de 20 metros e que mostra unha combinación circular. O seu estado era de total abandono.
Durante o mes de xullo levarán a cabo visitas nocturnas, momento no que se aprecian mellor. O proxecto para a mellora destes achádegos está dirixido por Darío Peña, da cooperativa Árbore Arqueolóxía.