"Yo caí en lo que se llama ser un cobarde, en maltratar a una mujer"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
"Yo caí en lo que se llama ser un cobarde, en maltratar a una mujer". Con esta sorprendente confesión, o veciño de Vigo Oswaldo O.G. recoñeceu este martes parcialmente os delitos de malos tratos domésticos, agresión sexual continuada e lesións polos que empezou a xulgarlle a Audiencia de Pontevedra. Confesou ante o tribunal que golpeou a quen en agosto de 2016 era a súa parella, pero negouse a recoñecer que a violou e obrigou a facerlle unha felación e incorreu nunha postura habitual entre os maltratadores: xustificar os seus actos de malos tratos responsabilizando á vítima dun comportamento celoso e violento.
Oswaldo O.G. enfróntase a 17 anos de prisión por agredir á súa parella o 25 de agosto de 2016 primeiro nun lugar público da cidade de Pontevedra e logo, durante toda a madrugada do día 26, no domicilio que ambos compartían en Vigo. O fiscal mantén que durante longas horas da noite, obrigouna a manter relacións sexuais dúas veces e someteuna a todo tipo de agresións físicas e malos tratos psicolóxicos.
Este martes el sentou no banco dos acusados e recoñeceu que si, que acudiu ás proximidades do posto de traballo dela de imprevisto e recriminoulle que o seu xefe lle enviara un whatsapp a noite anterior preguntándolle se estaba durmida. Durante a conversación, puido facer unha forza excesiva cos seus dedos contra o brazo dela, pero no seu discurso mantivo que non foi á mantenta e insistiu en que "no fui un maltratador en cinco años de relación" e que eses feitos e os ocorridos esa noite débense a que "perdí un poco el control".
Os feitos máis graves ocorreron de madrugada, cando ela refire agresión sexual e física, pero el fala de que a lesión sempre sen querer e nun contexto no que a súa parella, segundo a súa versión, recoñeceulle que mantivera relacións sexuais co seu xefe porque sentía vítima de acoso laboral. "No comía, no dormía, hay días que no me duchaba, pensando en que alguien podía estar acosándola", xustificouse.
O home realizou un relato dos feitos no que a fiscal lle afeou que se contradicía coas súas declaracións durante a fase de instrución desta causa e no que, ademais, insistiu en que esa madrugada "en ningún momento intenté tener ningún sexo con ella".
Durante o longo interrogatorio, tanto a fiscal do caso como a presidenta do tribunal da Sección Cuarta da Audiencia, Nélida Cid, reprocháronlle que non respondía as preguntas, senón que se ía polas ramas e contaba cuestións que ninguén lle preguntaba. "¿Quiere callarse un momento, por Dios?", viuse obrigada a pedirlle a maxistrada, mentres el seguía co seu relato inalterable e interrompía a xuíza e fiscal.
O relato da moza é moi diferente. Asegura que todo empezara xa un mes antes, o 25 de xullo, cando ela tiña que traballar, el desprazouse de Vigo a Pontevedra para comer con ela e, ante unha urxencia laboral, deixouno só longo intre. A partir de aí, empezou a recriminarlle constantemente que "le había dejado tirado" e ela mesmo chegou a sentirse culpable.
Tras ese mes constante de reproches, o 25 de agosto, chamouna, como adoitaba facer, cando saíu a comer e díxolle que ía co seu xefe, ao que el contestoulle que estaba en Pontevedra e que quería vela. Nada máis quedar, segundo o seu relato, empezou a gritar e botarlle en cara que "no iba a comer con mi jefe, que iba a follar". Ela finalmente nin comeu e, pola noite, cando chegou a casa, atopouse con que el xa fixera as maletas e non estaba na casa.
Cando el regresou, sobre as 23.30 horas, empezou o peor. A pesar de que ela lle insistiu en que "yo con mi jefe no tenía más relación que la estrictamente profesional", non a creu e empezou a insultala e a gritar moi alterada. Tras dicirlle que a relación se había acabado, comunicoulle que quedaría ata final de mes no piso, ao que ela respondeulle cunha oferta de prepararlle unha habitación que non adoitaban utilizar para que quedase nela. El non quixo e, ademais, "empezó a hablar de forma recriminatoria".
A moza declarou ante o tribunal protexida cun biombo e moi alterada. Por momentos, interrompeu o relato polo nerviosismo, en especial cando relatou os momentos máis duros da noite, cando chegou a temer pola súa vida. ""Lo vi fuera de control, tan exaltado..." que tiña medo e mesmo escondeu todos os coitelos da casa por temor.
A muller non tentou fuxir da casa en ningún momento porque, segundo explicou, tiña medo a como podía reaccionar el, que lle reprochaba cada vez máis alterado "que le había traicionad". Nun momento dado, achegouse a ela coa man non visible e temeu que leva un coitelo, de modo que "pensé que me iba a matar". "Le dije, no, no me matas, por favor, no me mates" explicou ela. Finalmente, o medo resultou ser infundado e el non levaba nada na man.
Durante a longa noite houbo dous momentos nos que a obrigou a manter relacións a pesar de que ela non quería e así llo fixo saber. Ela recoñece que "no me torció un brazo para obrigarme", pero que non era necesario, pois a situación tíñaa aterrorizada. Noutro momento, mandoulle varios whatsapp ao xefe do que el estaba celoso nos que "le decía de todo" e pola mañá tamén houbo unha chamada a ese mesmo home en ton similar.
Xa pola mañá, sobre as 6.30, ela recoñeceulle que si, que mantiña unha relación co seu xefe, pero porque el obrigáballe, ao que o acusado reaccionou acompañándoa á Comisaría para que denunciase acoso laboral. Unha vez ante a Policía Nacional, cando logrou quedar soa, a vítima recoñeceu que non había tal acoso, senón que fora a única escusa que se lle ocorreu para lograr saír de casa e denunciarlle a el.
Na sala declararon os forenses que a atenderon e que refiren que as lesións que presentaba e o seu estado de ánimo eran "compatibles con violencia física y psicológica, sobre todo física", que ela estaba alterada e que sufrira "un cúmulo de golpes". Ademais, atoparon tanto na súa roupa interior como no seu corpo restos de ADN compatibles cos do acusado.
O xuízo continuará o próximo 5 de xullo coas declaracións de máis policías e testemuñas.
Relacionadas:
-
O TSXG confirma nove anos de prisión para un home que agrediu sexualmente á súa parella tras acusala de infiel
Por Redacción |
-
Nove anos de prisión para un home que xustificou os malos tratos á súa parella porque perdeu o control
Por Natalia Puga |
-
A defensa dun acusado por agresión sexual apela á sentenza de La Manada: "No hay agresión sexual si no hay violencia"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |