Festa Holi para adolescentes en Barro, Cuntis, Moraña e Portas
Por Redacción
Dentro do proxecto de prevención de drogodependencias e outras condutas adictivas no eido local para os concellos de Barro, Cuntis, Moraña e Portas, en colaboración coa Dirección Xeral de Saúde Pública, dará comezo este mércores no IES de Barro unha serie de actividades de ocio saudable e alternativo destinadas á xuventude dos catro concellos.
Estas actividades, dirixidas á mocidade de entre 12 e 17 anos, pertencen o Programa Activa da carteira de servizos en materia de procesos preventivos da Consellería de Sanidade.
Máis concretamente, realizaranse tres Festas Holi nas que os mozos poderán degustar cócteles sen alcohol, bailar e facer actividades coa animación dunha DJ, o tempo que se soltan polvos Holi, emulando á festa de tradición hindú.
A primeira Festa Holi realizarase este mércores 20 de xuño como actividade de fin de curso do IES de Barro, en horario de 11:30 a 13:30 horas. A segunda Festa Holi realizarase no concello de Cuntis (Espazo Cuntis Xove) o venres 20 de xullo en horario de 11:00 a 1:00 da madrugada, cun aforo de 50 participantes. Para rematar, a última Festa Holi será realizada na Casa de Cultura de Moraña o xoves 26 de xullo en horario de 11:00 a 1:00h da madrugada, cun aforo de 50 participantes.
As tres actividades antes descritas e o curso de bebidas saudables sen alcohol que se realizará no Concello de Portas ó longo das mañás do 17, 18 e 19 de xullo (destinado tamén a mozos de 12 a 17 anos do Concello de Portas), realízanse cun dobre obxectivo.
Buscan informar aos adolescentes dos riscos do consumo de alcohol, rompendo o binomio alcohol-diversión e, en segundo lugar, ofertar á xuventude actividades de ocio que os conciencie sobre a importancia do coidado da súa saúde e de a posibilidade de realizar actividades de ocio alternativo ao consumo de alcohol e doutras drogas.