Unha gran festa da auga celebrará o Día do Neno en Ponte Caldelas
Por Redacción
O remate do curso escolar en Ponte Caldelas vén pasado por auga. Pero non pola chuvia senón pola gran festa prevista para o domingo 24 de xuño que converterá a céntrica praza de España nun auténtico parque acuático.
A asociación de comerciantes e o Concello de Ponte Caldelas celebrarán o Día do Neno, unha xornada para a diversión con motivo do remate do curso escolar e o comezo do verán.
O evento dará comezo ás 17 horas e rematará ás 21 horas. Na praza de España instalaranse inchables de auga e tamén se organizarán varios obradoiros que terán sempre a auga como protagonista. O gran remate será unha festa da escuma.
Os rapaces deben acudir con bañador ou roupa axeitada e son recomendables os lentes de natación para protexer os ollos.
Andrés Díaz aplaudiu esta iniciativa e destacou que Ponte Caldelas desprega unha ampla programación sociocultural ao longo do ano precisamente co obxectivo de atraer visitantes.
O Día do Neno comezou a celebrarse o ano pasado cun gran éxito de asistencia. Daquela tivo lugar na Alameda, pero o firme de terra complicou o seu desenvolvemento. Agora na praza de España gozarán, segundo o Concello, dun espazo máis axeitado.