Os veteranos da Garda Civil e as Forzas Armadas coñecen como traballa hoxe o instituto armado
Por Redacción
A comandancia da Garda Civil de Pontevedra recibiu este luns unha visita moi especial. Un grupo de 30 veteranos do corpo e das Forzas Armadas participaron nunha serie de actividades nas que tiveron oportunidade de coñecer dúas das iniciativas en materia de seguridade que ten en marcha o instituto armado: a aplicación para móbiles AlertCops e o Plan Maior de Seguridade.
Segundo informou a Garda Civil, os 30 visitantes pertencen á delegación provincial da Real Irmandade de Veteranos das Forzas Armadas e a Garda Civil de Pontevedra. Presidiu a delegación de visitantes o coronel Raúl Somoza Rodríguez.
O segundo xefe da Comandancia, o tenente coronel Manuel Touceda, recibiunos e a continuación asistiron a dous relatorios. Unha impartiuna o brigada Javier Maquieira sobre o sistema AlerCops e a outra correu a cargo do tenente Roberto Prado, adxunto da compañía de Pontevedra e centrouse no Plan Maior Seguridade.
Os visitantes, entre os que se atopaban familiares e amigos dos socios da Irmandade, coñeceron as instalacións da Comandancia na avenida Domingo Fontán e responsables do Subsector de Tráfico, os Tedax e o servizo cinológico da Garda Civil fixéronlles unha pequena exhibición de material e medios.
Desde a Garda Civil de Pontevedra destacan que o encontro co persoal xubilado das Forzas Armadas resultou "anecdótico e agradable ao mesmo tempo". Trátase de persoal que no seu día estivo destinado ao acuartelamento de Parques e Talleres do Exército que se atopaba anteriormente situado no terreo que hoxe ocupa a Comandancia.