O Concello anuncia a posta en marcha dunha plataforma dixital de intercambio de libros escolares
Por Redacción
Trocalibros. Así chámase a iniciativa que acaban de poñer en marcha as concellerías de Benestar Social, Educación e Novas Tecnoloxías do Concello de Pontevedra.
Trátase dunha plataforma dixital de intercambio de libros de texto (trocalibros.pontevedra.gal) que nace coa idea de prestar servizo a todas as familias dispostas a permutar os manuais pero que non entran no Banco de Libros do sistema da Xunta de Galicia ao non cumprir os requisitos esixidos.
Aseguran desde o goberno local que desde que a administración autonómica implantou o seu sistema de préstamo de libros escolares un importante grupo de poboación queda fóra do sistema, e a eles diríxese Trocalibros, unha iniciativa que pretende alongar a vida útil dos manuais á vez que se conciencia sobre a necesidade de construír unha sociedade máis sustentable e solidaria.
O portal dixital deseñouse de maneira sinxela. As familias deben facerse usuarios da plataforma e logo especificar que libros ofrecen e cales solicitan. Se eses libros foron ofrecidos por algunha familia, o sistema facilítalle os datos de contacto. Ao tratarse de manuais excedentes, non se garante que todos os demandados estean dispoñibles, pero si pode supoñer unha axuda importante.
Aínda que estará supervisada polos servizos municipais, trátase dunha plataforma que funcionará de maneira autónoma, con só unhas pequenas esixencias. Só poderán participar familias con escolares matriculados en centros educativos do municipio, desde 3º de Primaria ata 2º de Bacharelato, os manuais deberán atoparse en bo estado e non se poderá pedir diñeiro por eles, debido a que se trata dun servizo de intercambio gratuíto.