Campaña de roza e limpeza nos viarios do rural pontevedrés
Por Redacción
Operarios de varias brigadas municipais comezaron estes días por Lérez a esperada campaña de roza e limpeza nas vías do rural, uns traballos que ao longo do verán chegarán ás 15 parroquias.
Ademais, está prevista unha actuación específica nos espazos de centralidade parroquial como os de Salcedo, Campañó ou Cerponzóns.
Serán catro as brigadas que acometerán a campaña, integradas por unhas 20 persoas que terán á súa disposición diversos medios como sopradoras, limpadoras, motoserras, rozadoras manuais e tres tractores rozadores.
O obxectivo da campaña é retirar a maleza que durante os meses do inverno e primavera foron invadindo distintos espazos públicos, mellorando así a seguridade viaria e a convivencia nos espazos públicos.
No caso dos viarios municipais comezarase a traballar polas estradas principais, seguindo as prioridades marcadas nos consellos parroquiais, para continuar polo resto de camiños.
En canto aos espazos de centralidade parroquial, o traballo realizarao a empresa de servizos da Fundación Xoán XXIII, estando previsto como complemento a limpeza e roza dos lugares onde vaian celebrarse as diferentes festas parroquiais.
A campaña especial posta en marcha polo goberno local baixo a coordinación do concelleiro Demetrio Gómez comezou por Lérez e levará unha orde seguindo o curso do río cara ao leste.