Un tobogán de auga dá a benvida ao verán en Marín
Por Redacción & Diego Torrado
Faltan uns poucos días para o inicio oficial do verán, pero en Marín xa o viven ao grande, polo menos os seus escolares.
Os nenos e nenas de Marín gozaron este sábado tarde da "festa fin de cole" organizada por primeira vez polo Concello e que encheu de diversión varias rúas do centro da localidade.
Especial mención merece o tobogán de auga instalado na rúa Real e que foi o auténtico protagonista dunha calorosa xornada de sábado.
Nos seus 50 metros de longo, desde as escaleiras situadas fronte ao Templo Vello, vivíronse as escenas máis divertidas. Contaba con dous metros de ancho e dous chorros de escuma que permitían un perfecto esvaramento. Ademais a organización puxo a disposición dos novos colchóns e flotadores.
O tobogán foi só a punta de lenza dunha xornada de moitas actividades, instaladas na súa maioría na Rúa Sol.
A intención do goberno local é darlle continuidade a esta festa nos próximos anos para convertela nunha tradición que sirva de comezo oficial do verán.