A oposición solicitará un pleno extraordinario para pedir a dimisión de Telmo Martín
Por Redacción
Concelleiros que forman parte da oposición no Concello de Sanxenxo forzarán a Telmo Martín a dar explicacións sobre a sentenza do Tribunal Supremo que condena á empresa Construcuatro polos sobreprezos na venda de pisos en Navia.
Estes feitos, aseguran, ocorreron en 2006 "cando o alcalde de Sanxenxo era un dos seus socios principais", polo que solicitarán a convocatoria dun pleno extraordinario da corporación municipal.
En concreto esta solicitude de pleno extraordinario estará asinada polos tres integrantes do grupo municipal do BNG (David Otero, Sandra Fernández Agraso e Maxi González), pola representante do PSOE (Coral Gonzalez-Haba) e pola edil non adscrita Vanessa Rodríguez Búa.
Para estes membros da oposición "é inaceptable que unha persoa que se dedique á vida pública participe de maneira activa a través das súas empresas nunha estafa a 62 familias", sinalaron a través dun comunicado.
Está previsto que os edís presenten a solicitude por escrito a principios de semana no rexistro municipal.