O PP de Pontevedra rexeita os informativos locais na programación da Radio Galega
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
A maioría de integrantes da corporación municipal de Pontevedra aprobou este venres unha moción na que se insta á Corporación da Radio Televisión de Galicia (CRTVG) a que manteña os informativos locais na programación da Radio Galega e o programa Diario Cultural, que dirixe Ana Romaní. A dirección da Radio Galega establece que a partir do verán van eliminarse as desconexións de información local coas delegacións.
Anabel Gulías, concelleira do BNG, defendía a moción lembrando que o Partido Popular discrimina a Pontevedra desde que en decembro de 2010 pechaba a delegación da CRTVG deixando só en funcionamento a sede en Vigo para toda a provincia. A representante nacionalista afirmaba que a medida de suprimir os informativos locais atenta contra o dereito de información por parte do principal medio público galego, que ten que promover a lingua e a cultura de Galicia.
Ademais, alertou de que esta medida adóptase un ano antes de que se celebren as eleccións municipais e, neste sentido, comentou que resulta "sospeitoso". Gulías teme que, con esta decisión, o Partido Popular tente controlar "cada segundo e cada detalle" dos contidos que se emiten pola Radio Galega.
O portavoz do grupo municipal do PP, Jacobo Moreira, indicaba que desde a CRTVG informáraselle de que a información se integrará noutros programas e que se ampliará a presenza de contidos culturais noutros espazos.
Para defender o seu voto en contra da moción alegou que o PP é partidario da independencia e autonomía da dirección dos medios de comunicación, a diferenza do que sucedera co bipartito á fronte da Xunta na que se rexistraron presións dun representante do BNG. "Nin nós, nin o concello nin ninguén que non sexan os profesionais da CRTVG teñen que decidir que programación teñen que facer", concluíu o portavoz do Partido Popular.
A réplica de Anabel Gulías, do BNG, foi directa: "Vostede como pontevedrés está dacordo con que se manteñan os informativos locais, si ou non?". Non houbo resposta. Todos os concelleiros populares votaron en contra, malia que no pleno de Vigo e na Deputación de Ourense, os representantes do PP votaron a favor de que se manteñan os informativos locais.
A moción en Pontevedra foi aprobada co apoio do BNG, PSdG-PSOE, Marea Pontevedra e Cidadáns.
PROTESTAS DA POLICÍA LOCAL
O debate durante o pleno foi interrompido polas protestas dos policías locais que se atopaban nas butacas do Teatro Principal reclamando diálogo por parte do goberno do BNG para resolver o conflito que se mantén ante a petición de melloras económicas e laborais.
O portavoz Antonio Millares encarábase co rexedor: "Échanos de aquí", espetoulle, ao que Lores contestou abandonando o escenario "Iso é o que queredes vós". Ante o alboroto, o alcalde suspendía a sesión.
O grupo de axentes mantívose cinco minutos máis no interior do Teatro Principal ata que os representantes policiais decidían abandonalo rompendo fotografías de Fernández Lores.
Relacionadas:
-
Apoio do goberno local de Pontevedra ao persoal da CRTVG, que este luns se atopa en folga
Por Anxo Lourido | Creada e actualizada
-
O retorno da sede da RTVG á cidade figura na axenda do alcalde
Por Oskar Viéitez |
-
Apoio unánime na Deputación aos informativos locais da Radio Galega
Por Natalia Puga |
-
Pontevedra seguirá sen delegación da CRTVG ante o "veto" do PP á súa reapertura
Por Redacción |
-
En Marea esixe á Xunta a reapertura da delegación da CRTVG en Pontevedra
Por Redacción |
-
Instan á Xunta a que reabra a delegación da CRTVG en Pontevedra
Por Redacción |