CIG-Ensino reclama melloras nas condicións económicas e laborais do profesorado
Por Redacción
Representantes sindicais da CIG-Ensino e membros do profesorado na provincia concentrábanse este xoves na praza da Ferrería para protestar en demanda de mellores retribucións salariais e das condicións laborais para os integrantes do colectivo de profesores.
Indican que a Consellería de Educación só ofrece unha media de 8,23 euros mensuais ata finais de 2020 para a homologación do profesorado.
Desde a CIG-Ensino sinalan que no acordo asinado polo goberno do Partido Popular e os sindicatos estatais estableceuse que as administracións autonómicas podían aprobar subidas salariais para o persoal alcanzando un 0,3% da masa salarial total ao longo dos anos 2018, 2019 e 2020. Desde o sindicato mostráronse contrarios a esta decisión e agora mostra a súa oposición cara á Consellería de Educación ao enteder que está a actuar de maneira fraudulenta na negociación das retribucións docentes.
A CIG-Ensino ten previsto levar a cabo un calendario de mobilizacións a principios do próximo curso se desde a Xunta non se inicia unha negociación da mellora das condicións laborais que permita unha suba retributiva para o colectivo.