O Supremo ratifica a condena a Construcuatro por cobrar sobreprezos vivendas protexidas de Vigo
Por Oskar Viéitez
O Tribunal Supremo ratificou a sentenza contra a empresa Construcuatro polo cobro de sobreprezos aos propietarios dos pisos de vivenda protexida que construíu no polígono de San Paio de Navia, en Vigo.
O fallo desestima o recurso de casación presentado por Construcuatro contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e obriga á empresa para abonar a sanción de 2.470.000 euros imposta pola Xunta de Galicia.
Ademais, deberá devolver outros 1.235.000 euros aos 62 afectados por estes sobreprezos.
Dita resolución, ademais, tamén inhabilita a Construcuatro para participar en promocións de vivenda de protección oficial declaradas protexidas pola comunidade autónoma durante un prazo de seis anos.
DIMISIÓN DE TELMO
Tras coñecer a sentenza, o PSdeG-PSOE de Sanxenxo esixe ao presidente da Xunta e líder dos populares galegos, Alberto Núñez Feijóo que solicite a dimisión inmediata do alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, socio da construtora naquel momento.
Os socialistas basean esta esixencia na sentenza firme contra a construtora Construcuatro na cal era socio o alcalde, motivo polo que consideran "necesario" que se posicione o presidente do PP de Galicia "asumindo o papel que lle toca no tema da rexeneración política".
Para o Partido Socialista de Sanxenxo "esta sentenza pon de manifesto a baixa catadura moral do actual alcalde de Sanxenxo que, non só defrauda a Facenda defraudándonos así a todas e a todos, senón que se aproveita da situación de desvantaxe económica na que se atopan parte da cidadanía que necesita da axuda estatal para obter unha vivenda de protección oficial".
O PSdG-PSOE de Sanxenxo pregúntase "pódese caer máis baixo? roubar ás persoas que non teñen recursos".
"Cando se exceden os límites éticos e morais na empresa desa maneira, que non se fará se se ten a posibilidade de manipular e influenciar cos fondos públicos", asegura nun escrito a secretaria xeral dos socialistas de Sanxenxo, Ainhoa Fervenza.
Finalmente os socialistas aseguran que a súa reacción "non se trata de ningunha rabecha" senón de "devolverlle a dignidade a este Concello, estar gobernados por unha persoa que é socio dunha empresa que roubou aos máis necesitados empregando para iso o sistema de protección social que nos concedemos entre todos é simplemente asqueroso".
Relacionadas:
-
Telmo Martín asegura que "nunca" estivo imputado e acusa á oposición de difamalo
Por Alejandro Espiño |
-
A oposición esixe a Feijóo que cese a Telmo Martín pola súa "corrupción urbanística"
Por Alejandro Espiño |
-
A oposición solicitará un pleno extraordinario para pedir a dimisión de Telmo Martín
Por Redacción |
-
En Marea e BNG esixen a dimisión ou cese inmediato do alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín
Por Oskar Viéitez |