A rexeneración da praza de Galicia, cuestión de tres semanas
Por Redacción & Mónica Patxot
Os traballos de rexeneración paisaxística da praza de Galicia avanzan a bo ritmo e o Concello prevé que a finais deste mes de xuño estean rematados. Parte das actuacións previstas xa están listas, pero, de momento, non se recomenda a reapertura da contorna ao tráfico peonil.
O concelleiro de Parques, Alberto Oubiña, indicou este xoves que a actuación estaba prevista para tres semanas ou un mes, pero finalmente quedará acurtada a tres semanas ante a chegada do bo tempo. Dado que as obras xa comezaron hai varios días, en cuestión de dúas semanas prevese que poida reabrirse a praza e darse por terminada a actuación.
Oubiña e o alcalde Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, visitaron este xoves a actuación e puideron comprobar que a rexeneración dos paseos de xabre xa está moi avanzada. Fíxose para rebaixar o nivel do camiño e evitar as fochancas e charcos.
Ademais, xa se realizaron outras actuacións como o abombamento central para facilitar a evacuación de augas fluviais e a mellora dos parterres para darlle máis variedade e colorido ás zonas de céspede, pero as obras seguen en plena execución e quedan pendentes actuacións como a plantación de máis árbores e plantas que teñan flores durante todo o ano ou traballos no céspede.
Tamén quedan pendentes de rematar as actuacións previstas nas dúas rotondas da praza de Galicia e nalgúns dos recunchos, nos que, ademais, se vai cambiar a modalidade de rega, para que pase a ser por goteo e sexa máis ecolóxico.
A actuación conta cun orzamento de 51.802,39 euros e contratouse a unha empresa externa, Ferroser. Unha vez rexenerada a praza, o mantemento correrá a cargo de Ferrovial, adxudicataria do coidado de parques e xardíns en toda a cidade.