Provoca un accidente en Sanxenxo estando ebrio, drogado e co permiso de conducir retirado
Por Oskar Viéitez
A Garda Civil investiga penalmente por un suposto delito contra a seguridade viaria a un veciño de Sanxenxo que causou un accidente de circulación cando conducía un vehículo co carné retirado superando, ademais, as taxas permitidas de alcol e drogas.
Segundo informaron fontes oficiais da Garda Civil obre as 21,45 horas do pasado domingo, os efectivos da Agrupación de Tráfico do Destacamento de Pontevedra foron requiridos por unha condutora que se viu involucrada nun accidente de circulación nas inmediacións de Sanxenxo.
Os axentes comprobaron que o coche desta usuaria fora golpeado por outro turismo, cuxo condutor abandonou o lugar do accidente a pé, deixando o seu coche, a súa parella e a unha menor no interior, facendo caso omiso ás reclamacións da condutora afectada.
As xestións realizadas pola patrulla do Destacamento de Tráfico concluíron coa localización deste condutor, J.A.T.P. de 30 anos veciño de Sanxenxo. Esta persoa, que deu positivo nas probas de alcol e drogas, tiña vixente retirada do permiso de conducir pola perda de puntos a consecuencia da comisión de varias infraccións graves.
Segundo puideron pescudar os axentes, desde que lle retiraron o carné, co obxecto de pasar desapercibido e a fin de non levantar sospeitas, adoitaba utilizar distintos vehículos que normalmente lle pedía aos seus familiares e amigos.
Este condutor, que foi notificado como presunto autor dun delito contra a seguridade viaria, pódese enfrontar ás penas de prisión, multa e en caso de apreciar o órgano xudicial unha multirreincidencia (máis de tres sentencias firmes condenatorias) tamén se podería acordar a intervención xudicial do seu vehículo, ademais dunha agravación das penas.