A Illa de Arousa, O Grove e Caldas súmanse a unha rede europea para promocionar o seu patrimonio industrial
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra sumouse á rede europea Industriana, que ten como obxectivo mellorar o potencial turístico do patrimonio industrial de certos territorios esquecidos ou con pouca visibilidade.
Os concellos da Illa de Arousa, O Grove, Silleda, Soutomaior, Caldas de Reis e O Rosal participan no proxecto europeo
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, enmarcou esta iniciativa no Plan Estratéxico de Turismo coa intención de fomentar a explotación turística deste recurso esquecido e diversificar a oferta deste destino.
Esta rede europea configurou un inventario de sitios históricos, museos, coleccións e empresas tradicionais, pero tamén de patrimonio intanxible vinculado a estes ámbitos, lugares onde o coñecemento e o saber facer definen unha tradición para transmitir a xeracións futuras.
Nesta ocasión seleccionáronse o Museo da Conserveira de Goday na llla de Arousa; o Centro de interpretación da Salga, no Grove; o Muiño de Cobián, en Silleda; a fábrica de hidrocarburos de Laforet, Soutomaior; a fábrica da luz de Segade, en Caldas e os muiños do Folón e Picón, no Rosal.
A todos estes emprazamentos facilitóuselles un panel con código QR, pasando a formar parte da rede Industriana de patrimonio industrial e técnico.