Teresa Fernández-Valdés, Marta Larralde e Eva Fernández, primeiras pregoeiras do San Xoán de Poio
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Marta Larralde (Vigo) encarna a Nieves, a muller de Sito Miñanco. Eva Fernández (Ourense) métese no papel de Esther Lago, muller de Laureano Oubiña. Teresa Fernández-Valdés (Poio) é a produtora executiva de Bambú Producciones. As tres son mulleres clave na serie española da tempada, Fariña; todas elas con traxectorias recoñecidas xa antes deste éxito televisivo e cun futuro prometedor no audiovisual e a próxima semana terán algo máis en común: serán as tres primeiras mulleres pregoeiras das festas de San Xoán de Poio.
A concelleira de Cultura e o alcalde de Poio, Lidia Salgueiro e Luciano Sobral, desvelaron este mércores a gran incógnita nunha rolda de prensa á que non puido asistir ningunha das pregoeiras por motivos de axenda.
Xa na presentación da edición 2018 das festas grandes de Poio, San Xoán, o Concello avanzara que terían como fío condutor as artes escénicas e o sector audiovisual para potenciar e quixeron trasladar este espírito ao pregón, no que teñen representada a parte executiva do cinema galego na figura de Teresa Fernández Valdés e a vertente máis artística con Eva e Marta.
"Como os galegos temos fama de contadores de historias e a tradición oral galega tamén é moi coñecida, quixemos ter eses novos contadores de historias, as persoas que detrás e diante das cámaras, e por iso temos a estas tres mulleres", explicou Lidia Salgueiro.
Segundo avanzou, optouse por elas tres non só polo tirón da serie Fariña, senón porque quixeron contar con mulleres en tanto que "representan o empoderamento feminino" e que "o 8 de marzo nos mandou unha mensaxe moi importante", que quixeron recoller para dar maior representatividade e visibilidade ás mulleres.
Tamén pesou na decisión que Teresa Fernández Valdes é veciña de Poio, onde ten a súa segunda residencia na parroquia de San Salvador, e que as tres representan o "talento de aquí, da terra, con fama nacional e internacional". Desde Poio quixeron recoñecerlles o traballo e a traxectoria, que xa viña de antes de Fariña.
"Temos canteira no noso país e temos que poñela en valor", insistiu Lidia Salgueiro, que tamén lembrou que xa esta fin de semana empeza a programación do San Xoán de Poio, coa inauguración este sábado 16 de xuño ás 12.00 horas coa inauguración da Mostra de Canteiros e ás 21.00 co Certame de Corais, que volve ao Mosteiro.
A semana grande será o venres 22 co pasarrúas organizado polos colectivo +Cantos e, xa pola noite, ás 21.00 horas, a lectura do pregón desde o balcón da casa consistorial.
Relacionadas:
-
Aquelarre de pregoeiras nas Festas de San Xoán de Poio
Por Oskar Viéitez |
-
A Policía Local de Poio activa o plan de tráfico especial polas Festas de San Xoán
Por Redacción |
-
Carol Agulla, Pablo Rodríguez e o Saraiba, Premios San Xoán 2018
Por Redacción |
-
Tradición, música e lume nas festas de San Xoán de Poio
Por Oskar Viéitez |