A Xunta transfire a Pontevedra o primeiro treito da estrada vella a Marín
Por Alejandro Espiño
O Diario Oficial de Galicia publica este mércores a transferencia a Pontevedra do primeiro treito da PO-546, coñecida popularmente como a estrada vella a Marín. A partir de agora, o Concello será responsable desta vía entre a rotonda de Manuel del Palacio e o paso superior da liña do tren ao porto. Son, en total, 590 metros.
Neste ámbito, recordan desde a Xunta, a estrada está integrada no tecido urbano, as súas marxes están acoutadas polas edificacións e existen múltiples accesos a rueiros municipais.
Co cambio de titularidade, o Concello de Pontevedra será o responsable da conservación e mantemento e poderá actuar sobre esta vía de modo acorde coas súas características, e xa non serán de aplicación as restricións da normativa autonómica de estradas como, por exemplo, as limitacións de usos ou actividades nas súas marxes ou nos accesos.
O procedemento legal establecido permitiu axilizar este tipo de expedientes, que son beneficiosos para a Xunta, ao non ter que explotar unha vía que deixou de ter funcionalidade como percorrido interurbano, e para o Concello, xa que libera os cidadáns das cargas administrativas que supón a súa consideración como estrada de titularidade autonómica.
Este era un trámite necesario para a reforma integral do barrio de Mollavao. Nesta estrada, o goberno municipal pretende aplicar os mesmos estándares de accesibilidade e seguridade viaria que no centro da cidade.
Así, prevese deixar o viario cun único carril en dirección a Marín para poder ampliar as beirarrúas. Instalaranse ademais varios pasos de peóns elevados, renovaranse todos os servizos e limitarase a velocidade da vía a 30 quilómetros por hora.
Ademais, construirase unha nova vía que unirá Rosalía de Castro coa avenida de Marín e que incluirá unha glorieta na PO-546.
Relacionadas:
-
Os arquitectos alegan contra o novo vial de Mollavao e reclaman desatascar o PXOM
Por Redacción |
-
Reclaman unha actuación "inmediata" na estrada vella a Marín ante o "abandono" da Xunta
Por Redacción |
-
A reforma de Mollavao, pendente de Costas tras aceptar a Xunta transferir a PO-546 ao Concello
Por Alejandro Espiño |
-
A Xunta acepta transferir o treito urbano da PO-546 pero non asumirá a súa reforma
Por Alejandro Espiño |