O IES de Poio, primeiro premio no concurso escolar galego 'Clases sen fume'
Por Redacción
A clase de 2C do IES de Poio fíxose co primeiro premio da actividade creativa do concurso educativo para a prevención do tabaquismo Clases sen Fume, que organiza a Consellería de Sanidade en colaboración con Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
O traballo 'Ti decides' logrou o primeiro premio na súa modalidade do concurso nesta edición 2017-2018, na que participaron un total de 3.123 escolares de 137 aulas, procedentes de 40 centros diferentes de toda Galicia.
O principal obxectivo deste concurso educativo é evitar o inicio do consumo de tabaco nos mozos galegos, ou, cando menos, atrasar a idade dese inicio.
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, presidiu este martes o acto de entrega de premios no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia en Santiago de Compostela e felicitou aos escolares e aos seus titores que, ao longo de seis meses, traballaron en distintas actividades para coñecer por eles mesmos os beneficios que conleva non iniciarse no consumo do tabaco.
Clases sen Fume é un concurso educativo para a prevención do tabaquismo, dirixido a escolares de 1º e 2º de ESO, é dicir de 12 a 14 anos, idade na que se dan os primeiros contactos co tabaco. Con esta iniciativa, que forma parte do Plan Proxecta da Consellería de Educación, búscase o compromiso colectivo de toda a clase, é dicir, alumnado e titor.