O Concello asegura que Ence pretende construír unha nova cheminea de 70 metros de altura
Por Oskar Viéitez
O Concello de Pontevedra trasladou á Dirección Xeral de Enerxía en Minas da Xunta de Galicia os informes técnicos dos departamentos municipais de arquitectura, enxeñería e urbanismo que piden a paralización da tramitación do Plan Sectorial de Ence e a anulación do actual polo impacto paisaxístico, por consideracións de carácter técnico respecto da captación de auga e ás verteduras e porque entenden que o actual proxecto sectorial incumpre a normativa.
Ademais, a concelleira de disciplina urbanística, Carme da Silva, alertou de que na súa documentación a compañía pasteira "está a tentar enmascarar o impacto" que terá o aumento das instalacións de Ence en Lourizán coa construción de "o secadeiro de cortizas que terá unha altura prevista de 20 metros, a planta de regasificación de 20 metros e a de coxeneración que ten unha altura prevista de 50 metros con cheminea de 70", que segundo sinalou a concelleira nacionalista "é unha altura similar a un edificio de 16 plantas e media".
Respecto da cuestión urbanística o Concello de Pontevedra considera que Ence ten que cumprir con dúas normativas aprobadas pola Xunta, as Directrices de Ordenación do Territorio ( DOT) e o Plan de Ordenación do Litoral (POL), que son "instrumentos de ordenación urbanística de rango superior ao proxecto sectorial" e que establecen as medidas que se debe adoptar para a recuperación destes terreos e a súa incorporación ao litoral galego.
Ence alega que o Plan Sectorial é anterior a estas normativas algo que "non é certo" segundo sostén Carme da Silva esgrimindo unha sentenza do Tribunal Supremo referida á publicación e entrada en vigor de cada un destes documentos.
Da Silva tamén engadiu que "calquera cousa que faga Ence necesita unha autorización municipal porque é un proxecto sectorial de iniciativa privada".
Ademais engadiu que o Plan Sectorial O informe da Oficina Técnica de Medio Ambiente, Infraestruturas, Enxeñería e Servizos considera que é preciso que Ence achegue un "estudo de caudais de auga fornecida na actualidade e unha estimación de consumos futuros" que permita facer unha comparación entre a situación a día de hoxe e a prevista.
Segundo Carme da Silva, na documentación achegada pola pasteira, só se fai referencia ao permiso de captación que ten Ence que é de 1.500 litros por segundo, unha cantidade equivalente "ao dobre do momento punta de máis consumo de todos os concellos da Ría".
Respecto das verteduras e augas residuais do complexo fabril a concelleira afirmou que tampouco se detallan "nin reducións nin comparacións cos consumos actuais" polo que non é posible determinar a cantidade de efluente que se emite nin a que se emitirá. "Este é un tema de moitísima importancia", sinalou Carme da Silva que xustifica a petición do Concello de Pontevedra para que discorran por separado no emisario submarino os residuos urbanos dos industriais de Ence, o que permitiría coñecer cal é a carga de residuo que a pasteira bota á ría.
Relacionadas:
-
ENCE defende ante a marcha de protesta da APDR que cumpre "rigorosamente" a normativa ambiental
Por Redacción | Creada e actualizada
-
ENCE investirá 4 millóns de euros nun secadero de cortizas na súa fábrica de Lourizán
Por Oskar Viéitez |
-
ENCE afirma que o impacto visual das ampliacións da fábrica de Lourizán será "mínimo"
Por Oskar Viéitez |
-
ENCE di que a utilización de gas natural como combustible de apoio en Lourizán minimizará as súas emisións
Por Oskar Viéitez |
-
ENCE chama "populista" a Lores e asegura que a súa fábrica non contamina "en absoluto"
Por Redacción |
-
A APDR convoca para o sábado 16 de xuño a súa marcha anual contra ENCE
Por Diego Espiño |
-
Ence asegura que os investimentos na fábrica de Lourizán reforzan a súa fiabilidade ambiental
Por Oskar Viéitez |
-
Marea Pontevedra pónlle "deberes" a Pedro Sánchez: Anular a prórroga de ENCE
Por Oskar Viéitez |