Un proxecto ambiental busca "liberar" de lixo as marismas de Alba e a praia de Portocelo
Por Redacción
As marismas de Alba (Pontevedra) e a praia de Portocelo (Marín) serán os escenarios de dúas das batidas de limpeza que se realizarán este sábado 16 de xuño en toda Galicia para mitigar o impacto do lixo nos espazos naturais.
É a iniciativa 1m2 pola natureza, proxecto que se enmarca dentro do proxecto Libera: Natureza sen basura, posto en marcha por SEOBirdLife e Ecoembes, para loitar contra un fenómeno que se pode denominar "basuraleza".
Trátase dunha gran recollida colaborativa anual para liberar á natureza de lixo, ao tempo que se une e conciencia ás persoas na necesidade de evitar este tipo de ataques ambientais nas contornas naturais.
Así, as persoas interesadas en colaborar con esta recollida de lixo poden inscribirse nas batidas previstas ata o vindeiro día 15, a través da web www.proyectolibera.org.
A directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, Cruz Ferreira Costa, explicou que é a segunda vez que se celebra esta acción en Galicia, que conta co apoio da Xunta.
A directora xeral destacou que o abandono e a acumulación de lixo nas contornas naturais converteuse nun problema xeneralizado, que ten un impacto negativo para a conservación do medio ambiente que nos rodea e, en consecuencia, no planeta.
Indicou que ante esta situación "a parálise non é unha opción", polo que hai que verbalizar esta catástrofe ambiental e liberar á natureza estudando o seu impacto no medio e xerando un cambio nas condutas da cidadanía.
A batida nas marismas de Alba comezará ás once da mañá, mentres que a de Portocelo arrancará unha hora antes, ás dez.