Portonovo reinventa a súa feira multisectorial
Por Redacción
O goberno municipal espera que a feira multisectorial de Portonovo teña este ano un "salto de calidade importante". O obxectivo é que se converta nun "referente" e sexa un plus máis dentro da estratexia para promocionar Sanxenxo como destino turístico.
Así, o Concello apostou por unha reinvención do evento e, por primeira vez, ampliarase a tres meses. A montaxe da feira desenvolverase ao longo desta semana para que poida abrir o día 15 de xuño como establece o prego de condicións.
A empresa Target SL, que se encargará da xestión do evento, instalará un total de 80 casetas tipo jaima de 3 x 3 na rúa Rafael Picó. Do total, 60 casetas serán simples, 24 delas con esquina e 10 dobres, das cales 6 serán con esquina. O horario de apertura da feira será de 11.00 a 14.30 horas e de 16.30 a 02.00 horas.
As casetas serán instaladas sobre unhas estruturas modulares para a nivelación do chan e salvar o desnivel entre o paseo e a zona axardinada. Tres persoas velarán polo control e a limpeza da feira, repartindo bolsas de residuos aos expositores e recollendo o material de refugallo para depositalo nos correspondentes contedores de reciclaxe.
Tamén haberá dous operarios de mantemento realizando reparacións básicas, revisando periodicamente as instalacións da feira e unha persoa responsable do evento estará localizable en todo momento para solucionar calquera asunto relacionado coa mesma.
Contratarase persoal de vixilancia e protección, tanto do evento en xeral, como do persoal e os establecementos particulares. Ademais dos vendedores e artesáns de anos anteriores a feira contará como novidade este ano con expositores dos cinco continentes.
A feira pretense ser un punto de encontro entre artesáns, mozos creadores e comercios que mostran os seus produtos. Con ela, buscan crear un atractivo turístico e unha alternativa lúdica e de entretemento para veciños e visitantes que dinamice a actividade económica de Portonovo.
Relacionadas:
-
Conta atrás para a Multisectorial: 900 metros cadrados de artesanía ata o 15 de setembro en Portonovo
Por Redacción |
-
Sanxenxo agarda dar un "salto de calidade importante" coa feira multisectorial de Portonovo
Por Redacción |
-
Satisfacción en Sanxenxo polo balance "positivo" da feira multisectorial
Por Redacción |
-
Cita coa mellor artesanía na Feira Multisectorial de Portonovo
Por Noticia patrocinada |
-
Rodríguez Búa reclama o certificado técnico das casetas da feira multisectorial de Portonovo
Por Oskar Viéitez |
-
Empezan 58 días de feira en Portonovo, máis tempo que nunca
Por Oskar Viéitez |