Dermatólogos farán revisións en Mollabao para previr o cancro de pel
Por Redacción
Especialistas en dermatoloxía e persoal de enfermería, especificamente formado nesta materia, farán durante os dous próximos días exploracións a todas as persoas que queiran para detectar posibles melanomas.
Será no centro de especialidades de Mollabao no marco da campaña Euromelanoma, que busca previr, diagnosticar de xeito precoz e tratar o cancro de pel.
O lema da campaña 2018, que se desenvolve de maneira altruísta, é 'España ten un problema co cancro de pel' e nela, ademais do exame gratuíto da pel que se realiza de forma anual, ponse a disposición da poboación información sobre o cancro cutáneo, as formas máis frecuentes, como recoñecelo e como previlo.
O Sergas recorda que existen dou grandes tipos de cancro de pel: o cancro de pel non melanoma, carcinomas basocelulares e carcinomas espinocelulares, e o propio melanoma.
Se ben os primeiros son moito máis frecuentes e se presentan en zonas da pel expostas de xeito crónico á luz solar en pacientes maiores de 50 ou 60 anos, o melanoma ten unha menor incidencia na poboación. Este tipo de cancro de pel pode atoparse en calquera parte do corpo e presentarse a calquera idade, malia que na infancia é pouco frecuente.
Esta iniciativa repítese todos os anos e para participar nela os cidadáns tan só deben inscribirse previamente na campaña, para o cal a Academia Española de Dermatoloxía e Veneroloxía (AEDV) habilita varios mecanismos que os interesados poden consultar na páxina web www.euromelanoma.org.