Finxe ser unha rapaza de Tailandia para estafar 36.000 euros a un pontevedrés
Por Alejandro Espiño
Ata 36.000 euros. É o diñeiro que entregou un veciño de Poio a un mozo das Palmas que, axudado polo seu pai, fixéronlle crer que era unha moza de Tailandia á que coñecera por Internet coa intención de iniciar unha relación sentimental.
Segundo informou a Garda Civil, a vítima, a través de dúas empresas de transferencia internacional de diñeiro, remitiu á súa presunta noiva distintas cantidades de diñeiro durante case 20 meses, entre maio de 2016 e outubro de 2017.
Esta "estafa amorosa" comezou cando este home, usuario dunha páxina de contactos, coñeceu a unha muller supostamente residente en Tailandia en maio de 2016 e, tras conversar a través de Internet, a relación afianzouse por WhatsApp.
Desde que estreitaron a súa amizade, a muller pediulle 16.000 euros para afrontar a débeda que contraera cun español afincado en Tailandia para montar o seu negocio de hostalería e este accedeu a enviarlle o diñeiro.
As dúbidas da vítima chegaron cando, esta suposta noiva, chamouno desde Xirona onde aseguraba estaba a ser retida contra a súa vontade por un amigo do prestamista.
Ante as sospeitas, o home denunciou o caso ante a Garda Civil e a investigación conduciu aos axentes da Policía Xudicial de Cangas (Pontevedra) ata As Palmas de Gran Canaria, onde conseguiron desenmascarar á presunta noiva.
A muller que durante 17 meses recibira diñeiro puntualmente desde Pontevedra era realmente un mozo de 26 anos que, en aparente complicidade co seu pai -de 49 anos-, puxeron en marcha esta trama.
A pesar de que a vítima presentou a denuncia que posibilitou identificar aos dous estafadores, o engano prolongouse ata que lle sacaron outros 20.000 euros coa mesma farsa, chegando a pedir préstamos persoais para facer fronte ás cantidades que lle demandaba a súa suposta noiva.
O denunciante en ningún momento chegou a coñecer fisicamente á muller á que enviaba o diñeiro nin tivo comunicación verbal con ela, limitándose a relación ao intercambio de mensaxería a través de internet e de WhatsApp.
Os equipos de Policía Xudicial da Garda Civil de Huelva, onde se atopaba residindo circunstancialmente o principal responsable, e das Palmas, lugar de residencia do pai, foron os encargados de notificar a estas dúas persoas a súa condición penal de investigados como supostos autores dun delito de estafa.
O xulgado de instrución número 1 de Pontevedra fíxose cargo do caso.