Tres ludotecas entreterán no verán a rapaces en Carballedo, Tenorio e Cerdedo
Por Redacción
Máis dun cento de rapaces e rapazas poderán gozar no verán das ludotecas que o Concello de Cerdedo-Cotobade impulsará en Carballedo, Tenorio e Cerdedo para favorecer a conciliación laboral dos seus pais.
Esta tripla actividade enmárcase no plan municipal para axudar ás familias no eido laboral durante as vacacións dos cativos e ao abeiro do mesmo tamén está proxectado o campamento Campalledo 2018.
As tres ludotecas, que están orientadas a rapaces de 4 a 12 anos, xa teñen aberta a súa inscrición, que terá un custo de 15 euros e na que haberá prioridade para os rapaces empadroados no municipio.
A matrícula permanecerá dispoñible ata o vindeiro 25 de xuño e pode formalizarse na OMIX de Carballedo ou no departamento de Servizos Sociais da sede administrativa de Cerdedo, realizándose por orde de achega.
As ludotecas de Cotobade desenvolveranse do 2 ao 31 de xullo de luns a venres entre as 9.00 e as 14.00 horas e terán lugar no edificio multiusos de Carballedo e no CEIP de Tenorio, con 40 prazas en cada caso, mentres que a de Cerdedo, con capacidade para 30 nenos, será do 1 ao 31 de agosto no pavillón municipal e contará co mesmo horario.
Na súa programación mestúranse actividades lúdicas e educativas que pretenden impulsar os xogos, a creatividade, o deporte, o reforzo das linguas galega e inglesa, o traballo en grupo, a educación en valores e os hábitos saudables. Para iso, haberá xogos novos e tradicionais, competicións, actividades interactivas, obradoiros, animación á lectura, saídas e andainas.
Tamén no marco das accións de conciliación estival, o Concello segue a ter aberta, ata o vindeiro día 16, a inscrición en Campalledo 2018, que se celebrará en dúas quendas: unha para cativos de 7 a 11 anos entre o 8 e o 14 de xullo e outra para nenos de máis de 12 fixada entre o 15 e o 21 de xullo. Cada unha delas conta cun límite de trinta prazas.