Lores di en Francia que os pontevedreses defenden o modelo urbano "con uñas e dentes"
Por Redacción
O modelo urbano de Pontevedra volveu a ser protagonista nunha cita internacional. Desta volta, foi na décimo terceira edición da Conferencia Nacional do Centro Urbano de Francia, que se está a celebrar na cidade de Metz.
O congreso, no que están matriculadas máis de 1.200 persoas, na súa maioría representantes políticos e funcionarios das institucións francesas, está organizado por Centre-Ville en Mouvement. É un organismo que integran 251 comunidades de Francia.
Ademais do debate nacional francés, nesta edición os organizadores, en colaboración con deputados europeos, acordaron crear un evento internacional de intercambio de experiencias para renovar os centros urbanos.
Alcaldes como o de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e outros expertos achegaron accións de como facer máis atractivos os centros urbanos e puxeron sobre a mesa novas perspectivas en relación ao futuro das cidades.
Fernández Lores compartiu debate con Elke Dilzer, da oficina de desenvolvemento urbano de Trèves, a urbe máis antiga de Alemaña con preto de 100.000 habitantes e varios monumentos declarados Patrimonio da Humanidade; ou Marie-Anne Isler Beguin, vicepresidenta de Metz, que ten unha poboación de case 390.000 habitantes, entre outros.
A intervención do alcalde comezou coa proxección dun vídeo de 7 minutos sobre a cidade que levantou unha gran ovación do público e unha breve exposición sobre as claves do modelo urbano de Pontevedra.
Así, Lores centrou o seu discurso en explicas medidas como a recuperación do espazo público, a restrinxir o uso do vehículo privado retirando tráficos de paso, axitación e destino, a priorizar os usos necesarios de coches a residentes, actividade económica e servizos ou a reducir as velocidades máximas a 20 e 30 km/h.
O resultado de todas estas prácticas, dixo, son cero mortos, menos accidentes graves e unha maior autonomía dos máis febles, cumprir os parámetros de calidade do aire da OMS todos os días do ano, o aumento da poboación no centro da cidade, que os rapaces vaian a pé á escola, máis actividade económica ou a chegada de recoñecementos exteriores.
O alcalde explicou que, a pesar da resistencia inicial, agora os pontevedreses defenden o seu modelo "con uñas e dentes".
Relacionadas:
-
Pontevedra, un "paraíso para vivir" segundo o xornal británico The Guardian
Por Alejandro Espiño |
-
Brasil e Francia, dúas novas citas internacionais para el modelo urbano de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Lores e a imposibilidade de mellorar o tráfico a motor nas cidades
Por Redacción |
-
Lores defende o modelo urbano de Pontevedra no III Foro das Cidades de Madrid
Por Redacción |
-
Las Palmas "toma nota" do modelo de Pontevedra para modificar a súa mobilidade urbana
Por Redacción |
-
Pontevedra explica en Cascais que velocidade e calidade urbana son "incompatibles"
Por Redacción |
-
A ministra de Medio Ambiente de Suecia interésase sobre como aplicar o "Modelo Pontevedra"
Por Redacción |