Carmela Silva censura que Núñez Feijóo "falte ao respecto" ás mulleres
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, mostrou a súa "total e absoluta indignación" coa actitude do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.
Tras sinalar que ela é "unha muller feminista que cre na igualdade", considerou "intolerable" que "falte ao respecto ás mulleres" e que coas súas palabras "tente que volvamos ás cavernas onde eramos invisibilizadas, silenciadas e estereotipadas".
En primeiro lugar, a presidenta da Deputación considerou " gravísimo" que o presidente da Xunta diríxase á portavoz dun grupo político, neste caso Ana Pontón do BNG, "dicindo que está necesitada". A este episodio parlamentario Carmela Silva sumou unha experiencia vivida por ela mesma este xoves cando coincidiu con Alberto Núñez Feijóo nunha entrega de premios en Pontevedra.
Segundo relatou, Feijóo fixo unha "gracieta, por non dicir outra cousa" ao asegurar que o problema demográfico en Galicia co envellecemento da poboación estaba en que agora se tiñan menos fillos "e por tanto, mandábanos a que xa sabiamos o que había que facer".
Carmela Silva preguntouse "que cabeza cavernícola e, síntoo moito téñoo que dicir, machista lévalle a dicir estas cousas?", engadindo que "soamente unha cabeza que pensa en masculino exclusivamente é capaz de dicir estas cousas".
A presidenta da Deputación de Pontevedra indicou que o problema demográfico de Galicia "non se debe a que as mulleres non teñan fillos" senón "porque o mundo avanzou" coa entrada das mulleres no mercado laboral e na dirección das entidades privadas e públicas "porque agora as mulleres non temos un papel na vida que é ter fillos e coidar ás persoas e a casa".
"Agora as mulleres queremos ocupar todo o espazo ao que temos dereito" destacou Carmela Silva que responsabilizou á Xunta de non tomar medidas para que haxa suficientes centros de educación infantil que permitan a conciliación que impiden os horarios no noso país.
Tamén porque "non hai leis que fagan que tamén os homes se dediquen aos coidados" e porque "os salarios non permiten construír vidas que dean garantía e estabilidade" e "tampouco hai un proxecto de futuro para a nosa terra", enumerou Carmela Silva.
A mandataria socialista dixo sentir unha "profunda vergoña" ao escoitar este " macromachismo" ao presidente da Xunta e asegurou que "non estamos dispostas a que se nos responsabilice dun gravísimo problema que só pode ter unha resposta política" que lle corresponde ao goberno galego.
Finalmente, Carmela Silva traslado a súa solidariedade á portavoz do BNG, Ana Pontón, ante o comportamento do presidente da Xunta "aínda que tampouco me estraña, nalgunhas cabezas o machismo impera, é a materia gris".