A Policía Local de Poio estrea novas dependencias en San Salvador
Por Diego Espiño
Desde este xoves 7 de xuño a Policía Local de Poio conta con novas dependencias, pasando dos baixos do Concello a un local situado no número 2 da rúa Rosalía de Castro, fronte ao Casal de Ferreirós na parroquia de San Salvador.
"No Concello tiñamos un oco moi pequeno e a atención aos cidadáns non era suficientemente atendida", explicou o xefe da Policía Local, Antonio Duarte.
Estas novas dependencias contan cun local de aproximadamente 200 metros cadrados, zona de atención ao público, zona de comunicacións e transmisións, oficina de denuncias, vestiarios, zona de briefing e formación, almacén e armería.
"Agora estamos na zona máis poboada de Poio, máis cerca do cidadán", sinalou Duarte sobre un servizo que espera sexa "máis eficaz" co cambio de localización.
Trátase, asegurou á súa vez o alcalde Luciano Sobral de " unha aspiración que dende o Concello levábamos anos dándolle voltas".
O rexedor apostou ademais por seguir traballando na mellora do corpo municipal de seguridade, defendendo que "a Policía Local de Poio ten que dar outro paso máis que sería a medio prazo que puideramos dar servizo as 24 horas do día", repondiendo así ao crecemento que mantén ano a ano Poio e que lle levou a superar os 17.000 habitantes.