A Escola Europea de Líderes organiza dous seminarios en Portas
Por Redacción
A Escola Europea de Líderes realizará durante este verán dúas actividades formativas centradas no benestar persoal na aula da Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) de Portas.
A primeira actividade está programada para o venres 29 de xuño entre as 17.00 e as 20.00 horas e profundará na importancia das emocións positivas. A psicóloga Ana María Rey Rodríguez, encargada de impartir o taller, afirma que "entender que as propias decisións que tomamos leváronnos a determinadas situacións é importante para sentirnos ben. Esa interpretación do ben/mal é unha interpretación persoal e descargándonos dese peso emocional, veremos a vida de forma máis liviá".
A segunda actividade está prevista para o 7 de xullo e estará centrada no mindfulness co obxectivo de ofrecer ao alumnado pautas que permitan favorecer o desenvolvemento da concentración e mellorar o control da ansiedade en nenos e adolescentes.
A actividade terá lugar entre as 10.00 e as 13.00 horas e está dirixida a pais, nais, docentes, pedagogos, psicólogos e calquera persoa que desexe saber como se aplica o mindfulness cos menores dunha maneira práctica.
A responsable de impartilo será Mónica Mirada, instrutora de mindfulness e coach experta en intelixencia emocional, que defende que o mindfulness é unha actitude fronte á vida que "consiste en darse conta do que estamos a facer, pensando e sentindo no mesmo momento no que iso ocorre".
Ambas as actividades poderán seguirse a través de Internet e terán un custo de matrícula de 35 euros. Os alumnos da UNED, exalumnos da Escola Europea de Líderes, persoas en situación de desemprego ou persoas cunha discapacidade recoñecida superior ao 35% poderán beneficiarse da matrícula reducida (25 euros). A inscrición deberá realizarse a través de Internet nesta ligazón.