A Fundación Orfos da Policía Nacional solicita apoios na Comisaría de Pontevedra
Por Oskar Viéitez & Paula Sanmartín
A Fundación Orfos da Policía Nacional visitou este mércores a Comisaría de Pontevedra para coñecer ás persoas ás que prestan servizo neste persoal.
Segundo explicou o presidente desta fundación e comisario de Policía, Gonzalo Alonso, na provincia de Pontevedra reciben axuda desta institución un total de 24 orfos de funcionarios da Policía Nacional. En Galicia prestan atención a 70 persoas e a nivel estatal son un total de 1.319 orfos, dos que 990 son menores de 30 anos, idade ata a que reciben prestacións, e 329 teñen algún tipo de discapacidade, polo que a axuda é vitalicia.
"Nos encontramos con que nuestra labor es muy desconocida", dixo Gonzalo Alonso Hernández. Por este motivo organizouse unha xornada informativa na comisaría provincial para tratar de solicitar apoios ás liñas de axudas que ofrecen e solicitar as achegas dos axentes, que son dun 0,5% do salario basee máis os trienios, polo que oscila entre tres e oito euros ao mes aproximadamente.
No caso da provincia de Pontevedra hai un total de 645 policías nacionais que colaboran con esta causa benéfica.
O presidente desta fundación recoñeceu que, desde 2010, e "como consecuencia de estos años de crisis y de recortes salariales" dos funcionarios, contan con menos apoios dos que chegaron a ter. Ademais, considerou que"creemos que muchas veces no se colabora con la Fundación porque no saben lo que hacemos".
Segundo indicou o presidente da fundación, ademais de dar axudas económica, a institución ofrece apoio psicolóxico, educativo e social, e pon á súa disposición ferramentas e medios que faciliten a súa incorporación ao mercado laboral mediante xornadas, talleres, cursos e campamentos que se organizan.
A fundación de orfos é unha institución que se formou a principios do século pasado, a través da cal máis de 36.000 funcionarios da policía axudan socialmente aos orfos dos seus compañeiros.