Os efectos da palla para frear a erosión déixanse sentir no barranco do río Verdugo
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas segue a constatar os efectos positivos da campaña de acolchamento con palla (técnica "mulching") realizada durante o pasado mes de novembro para combater os efectos dos incendios forestais do 15 de outubro e previr así a erosión en diversas zonas do municipio.
Aproveitando a xornada do Día Mundial do Medio Ambiente, que se celebra este martes, danse a coñecer as imaxes do tratamento realizado nas fortes pendentes do barranco do Verdugo, moi preto das fervenzas da Roca, na beira correspondente ao lugar de Parada.
Durante as xornadas de voluntariado ambiental celebradas o pasado mes de novembro incluíuse esta área polo seu valor paisaxístico e tamén polo dano que a erosión podía facer nas zonas de escorrentía, que verten directamente ao río Verdugo. Por este motivo seleccionáronse tres cordóns de drenaxe natural para o seu tratamento con palla. Sete meses despois os resultados son concluíntes porque recuperaron o substrato vexetal mentres que o resto da ladeira segue cuberta de cinzas.
Este espazo natural fluvial é tamén unha mostra perfecta do distinto efecto que o lume ten sobre as especies pirófitas (nesta área cunha marcada presencia das acacias) e a vexetación autóctona, que foi a que sobreviviu, fundamentalmente, ao paso das lapas.
Estes resultados súmanse aos que tamén se están a observar polo Concello e as comunidades de montes noutras zonas tratadas como A Insua, Silvoso, Regodobargo, Barbudo ou Chaín, con distintas tipoloxías de solo.
O goberno local adquiriu e esparexeu un total de 30 toneladas de palla e unha tonelada de graos de centeo no que deu en chamar "operación mulching". Os lugares tratados foron elixidos con asesoramento técnico contratado polo Concello.
O operativo tamén contou coa implicación e colaboración das comunidades de montes do municipio, así como dun grupo de veciños tractoristas, que fixeron posible o traslado gratuíto das pacas de palla ao monte. A operación de voluntariado permitiu actuar, durante tres fins de semana consecutivas, sobre unhas 30 hectáreas do terreo máis sensible das aproximadamente 2.900 Hectáreas queimadas o 15 de outubro.
Relacionadas:
-
O Centro Forestal de Lourizán amosa os seus avances fronte o risco hidrolóxico erosivo tras os lumes
Por Redacción |
-
Agricultura completa a restauración forestal dos montes de Ponte Caldelas e Cotobade
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas homenaxeará ao voluntariado coincidindo co aniversario dos lumes do 15-O
Por Redacción |
-
Portugal recolle a experiencia de Ponte Caldelas na prevención da erosión nos montes queimados
Por Redacción |
-
Balance positivo do tratamento con palla e centeo do solo incendiado en Ponte Caldelas
Por Gabriela Varela Asorey |
-
O 'mulching' volve a Ponte Caldelas de man da Xunta e no medio de críticas
Por Redacción |