Un veciño de Vilaboa, detido por roubar máis de 600 cordas dunha batea
Por Redacción
Axentes da Garda Civil detiveron un veciño de Vilaboa que está acusado de roubar máis de 600 cordas dunha batea de Moaña, valoradas en 22.000 euros.
Segundo informou o instituto armado, o roubo foi denunciado o pasado mes de marzo polo propietario dunha batea situada nuns dos polígonos do distrito de Vigo, fronte á costa de Moaña.
Asegurou que lle subtraeran 120 cordas que se atopaban atadas e mergulladas no mar con cría de mexillón e outras 500 máis que estaban baleiras e enroladas encima da batea.
A investigación da Garda Civil manexou como hipótese principal que o roubo se producira por unha vinganza persoal.
Así, despois de dous meses de pescudas, os axentes conseguiron localizar e recuperar a totalidade das cordas nunha batea situada fronte ao litoral costeiro de Santa Cristina de Cobres.
O propietario da batea, que foi detido como presunto autor dun delito de furto e posto en liberdade unha vez que prestou manifestación nas dependencias da Garda Civil, deberá comparecer, cando sexa citado, ante o xulgado de instrución de garda de Cangas.
As cordas quedaron inmobilizadas e depositadas na batea do detido a disposición da autoridade xudicial.