Barro activa o seu espazo de lecer para o verán
Por Redacción
Favorecer a conciliación da vida laboral e familiar e fomentar a igualdade e a creatividade entre a xente máis nova do concello. É o obxectivo do programa Espazo de Lecer 2018, que porá en marcha o Concello de Barro para o verán.
As actividades vanse realizar no Pazo da Crega, nos meses de xullo e agosto, en horario de 9:00 a 14:00 horas, e van dirixidas a nenos e nenas que naceran entre os anos 2006 e 2014.
O número de prazas ofertadas é de 90 (50 no mes de xullo e 40 no de agosto), tendo que pagar 30 euros os usuarios empadroados no Concello e 70 os que non o están.
As solicitudes de praza hai que entregalas nos servizos sociais ou nas oficinas xerais do concello. O prazo para presentar as solicitudes rematará o xoves 21 de xuño.
A educación en igualdade, a prevención de violencia de xénero, a cultura, o ocio e o tempo libre saudables serán áreas de actuación neste espazo no que van a convivir os nenos e nenas de Barro ao longo dos meses de xullo e agosto, buscando un verán activo, un verán de aprendizaxe e, sobre todo, un verán de diversión.