Un albanés confesa que dirixía desde Pontevedra unha rede internacional de narcotráfico
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Catro das seis persoas acusadas de tráfico de drogas recoñeceron este martes ante a Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra a súa participación nunha rede internacional con base na cidade do Lérez dedicada á venda de cocaína e heroína en Galicia e o Norte de Portugal.
Un dos principais acusados, Afrim H., un cidadán albanés que residía na rúa Perfecto Feijoo da cidade de Pontevedra con identidade falsa, confesou ante o tribunal provincial que se dedicaba ao tráfico de estupefacientes xunto ao tamén acusado Javier M.G., con antecedentes por narcotráfico, e veciño de San Antoniño no termo municipal de Barro.
Afrim recoñeceu que conseguían a droga en Valencia e gardábana e adulteraban nun piso de Sanxenxo.
Xunto a este acusado os seus compañeiros de banco tamén recoñeceron diversas transaccións de droga: Jesús C.S., en cuxa vivenda de Narón atopouse droga e unha arma; o albanés Esmerald L. que recoñeceu ser intermediario; o vilanovés Diego C. que admitiu a súa implicación no caso desvinculando á súa esposa, Cristina C.M. tamén acusada pero que se declarou inocente e dixo descoñecer as actividades ilícitas da súa parella.
En canto a Javier M., recoñeceu que tiña un piso alugado en Sanxenxo que compartía con Afrim, pero negou calquera relación coa droga e vinculou o seu rico patrimonio a unha indemnización tras sufrir un accidente e ao seu emprego na Xunta como traballador forestal.
Segundo explicou durante o xuízo un dos responsables do Equipo contra o Crime Organizado (ECO) da Garda Civil de Pontevedra, en decembro de 2015, Afrim e Javier recibiron dos seus provedores en Valencia unha partida duns 10 quilos de heroína que almacenaron no piso de Sanxenxo e que despois procederon a distribuír entre os seus principais clientes para a súa venda posterior polo miúdo.
Con este fin desprazáronse á localidade coruñesa de Narón onde entregaron uns tres quilos de heroína a cambio dun prezo de 91.500 euros, a Jesús C.S.; tamén fixeron outra entrega en Vilanova de Arousa no domicilio do matrimonio Diego e Cristina e en Portugal fixeron entrega de dous paquetes que contiñan 1.385,99 gramos de heroína Fernando J. S.M., xa procesado no país luso por estes feitos.
Segundo a Garda Civil, o día 26 de decembro de 2015, os acusados Javier e Afrim desprazáronse a Valencia nun Volkswagen Golf para realizar o pago da heroína recibida tres días atrás. Para iso, concertaron unha cita co acusado Esmerald que actuaba como representante dos vendedores da droga, sendo detidos todos eles no momento en que se ía a realizar o pago.
Os dous principais acusados, Javier e Afrim, empregaban catro vehículos para desprazarse a diario un Audi A2, un Peugeot 206, un Volkswagen Polo e un Golf. Algúns destes coches contaban coas denominadas 'caletas' ou agochos para ocultar a droga.
No piso-laboratorio de Sanxenxo foron achados elementos para o procesado da droga. No domicilio de Javier en Barro apareceron 21 quilos de paracetamol e cafeína, substancias empregadas para a adulteración da droga. Ademais, a Garda Civil incautouse de tres armas e documentos de identidade falsificados.
A Fiscalía pide para todos eles penas que suman 60 anos de cárcere por delitos contra a saúde pública, falsidade en documento oficial e tenencia ilícita de armas, aínda que é previsible que a confesión tardía dalgúns procesados minore a petición de condenas. Para o principal acusado Javier M. pide doce anos e nove meses e para Afrim solicita dez anos e nove meses de prisión.
O xuízo continuará este xoves 7 de xuño.
Relacionadas:
-
Retiran a acusación contra unha das seis persoas procesadas por unha rede galego-albanesa de narcos
Por Redacción |
-
Xulgan seis persoas que traían droga de Valencia e almacenábana en Sanxenxo
Por Redacción |
-
Xulgan seis persoas que traían droga de Valencia e almacenábana en Sanxenxo
Por Redacción |
-
Dous detidos no Salnés nunha operación que permitiu intervir 56 quilos de heroína, a maior aprehensión este ano en Europa
Por Redacción |
-
Ingresan en prisión catro detidos na última operación antidroga entre Galicia, Levante e Portugal
Por Redacción |