A Deputación e o Colexio de Médicos promoven charlas sobre saúde en 22 concellos da provincia
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
A Deputación Provincial e o Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra colaborarán durante os próximos meses para poñer en marcha unha serie de actividades formativas e infomativas sobre asuntos relacionados coa saúde da poboación e o benestar social. Irán destinadas a xente nova, persoas maiores e asociacións sociais.
A presidenta provincial, Carmela Silva, e o presidente do Colexio de Médicos, Luis María Campos Villarino, subscribiron este martes un convenio de colaboración para poñer en marcha esas actividades, en función do cal a Deputación realiza unha achega económica de 4.500 euros para sufragar as activiades e o Colexio execútaas.
Carmela Silva explicou, tras asinar o convenio, que as charlas chegarán este ano a 22 concellos de Pontevedra porque se trata dun proxecto piloto, pero a intención da Deputación é darlle continuidade en anos próximos e ampliala para chegar a toda a provincia. De momento, para as xa aprobadas aínda non teñen calendario, tan só sábese que algunha se realizará este mes e o groso delas a partir de setembro.
Dez charlas irán destinadas á mocidade e abordarán temáticas como as enfermidades de trasmisión sexual e nutrición, saúde e trastornos alimentarios. Outras dez terán como destinatarias ás persoas maiores, cinco sobre a hospitalización a domicilio e téea medicina e cinco sobre trastornos depresivos e ansiedade.
As dúas restantes estarán destinadas a entidades e asociacones das dúas principais localidades da provincia. En Pontevedra centrarase en trastornos depresivos e ansiedade e en Vigo en enfermidades raras e neurodexenerativas.
Carmela Silva considera "fundamental que as administracións nos comprometamos con este tipo de accións" e destaca que as charlas irán a cargo de relatores profesionais con grandes coñecementos en cada unha das materias abordadas, pois, desta forma, "imos dar información veraz".
Luis Campos explicou que hai dez anos xa se fixo unha iniciativa similar, pero xa "era o momento de retomala". Destaca que organizar este tipo de actividades permítelles cumprir unha das funcións dos colexios de médicos, " facer chegar á cidadanía cuestións relativas ao mantemento dá saúde e o benestar social".