Un punto informativo asesorará no Hospital Provincial sobre o linfedema
Por Redacción
O Hospital Provincial de Pontevedra terá todos os primeiros mércores de cada mes un punto de información e asesoramento para atender ás persoas que viven con linfedema e aos seus familiares.
A Asociación Galega de Linfedema (AGL), con sede en Vilagarcía de Arousa, está detrás deste servizo. Unha traballadora social da entidade desprazarase ata un local que lle cede o hospital situado na entrada ás instalacións en horario de 10.00 a 12.00 horas.
A traballadora social vai atender a todas as persoas afectadas por esta enfermidade e así evitarlles o desprazamento ata Vilagarcía. Durante estas dúas horas de atención, as persoas afectadas por linfedema de Pontevedra e comarca poderán ser informadas e asesoradas en todas as dúbidas que lles poidan xurdir.
AGL é unha entidade sen ánimo de lucro que nace en 2004 para dar resposta á necesidade de apoio, información e representación das persoas afectadas por Linfedema. Esta entidade ten 200 persoas asociadas, entre afectadas, familiares e colaboradoras.
Entre os fins que ten esta entidade, están o de visibilizar esta doenza que se estima que afecta en Galicia a 50.000 persoas, unha cifra que medra anualmente asociada a intervencións de cancro de mama. Preto de 3.000 mulleres van desenvolver o linfedema anualmente.
Esta enfermidade afecta ao sistema linfático debido a unha malformación, disfunción, obstrución ou dano no mesmo e non existen fármacos ou intervencións cirúrxicas eficaces.