Pintada comunitaria do patio do colexio Campolongo
Por Oskar Viéitez
O alumnado de primeiro a sexto de Primaria do colexio de Campolongo pintou as paredes do patio. Lonxe de ser castigados por este comportamento as súas familias e os docentes colaboraron con eles coa complicidade dos profesores da Facultade de Belas Artes.
Esta actividade non merece un castigo senón un premio. Trátase do proxecto "Notablarte" concibido como unha oportunidade de convivencia entre alumnos e profesores co fin de enriquecer ambas as partes do sector educativo.
A acción desenvolveuse durante toda a xornada do pasado venres na fachada exterior traseira do edificio pertencente ao ximnasio.
Segundo explicaron as organizadoras, Abril Melonio, Alexandra Rodríguez e Alicia Martínez, expúxose esta experiencia como unha xornada educativa onde espertar a creatividade do alumnado da man das artes plásticas, tratando temas de carácter pedagóxico e de suma importancia hoxe en día nos centros educativos.
A integración e a trata contra o bullying foron os temas desta xornada.