A renovación da iluminación pública en Bora custará 204.000 euros
Por Alejandro Espiño
A empresa Setga renovará toda a iluminación pública da parroquia de Bora. Así o acordou a Xunta de Goberno, que adxudicou á compañía pontevedresa este contrato de mellora lumínica e de eficiencia enerxética.
Nesta actuación investiranse 203.933 euros e Setga terá un prazo de quince días para executar estes traballos. A súa oferta inclúe asumir sete anos de mantemento e oito anos de garantía.
O proxecto para Bora recolle a substitución de 460 puntos de luz, que deixarán de contar con lámpadas de vapor de sodio e pasarán a ser de LED. A potencia pasará de 130 a 30 watts, o que permitirá unha redución do consumo do 80% e un aforro que roldará os 40.000 euros anuais.
Con esta mellora, o goberno municipal busca mellorar a eficiencia enerxética da iluminación do rural, reducir a contaminación lumínica, que se produzan menos avarías e lograr unha maior calidade na iluminación.
O Concello, tras actuar en Ponte Sampaio, A Canicouva e os accesos á cidade, continúa en Bora coa renovación de todo a iluminación pública.
Raimundo González avanzou que a seguinte actuación será en San Andrés de Xeve, Santa María de Xeve e Verducido.