A choiva respecta a tradición do Corpus Christi
Por Redacción & Diego Torrado
A choiva respectou este domingo a tradicional celebración do Corpus Christi, que desde o sábado tapizou de alfombras florais a praza da Ferrería e a avenida de Santa María e, pola mañá, incluíu actos civís e relixiosos secundados por numerosas persoas.
Os actos da xornada comezaron na capela de San Roque da man do Gremio de Mareantes, que, como xa é tradición, convidou a pan de millo e augardente a políticos dos distintos grupos da corporación municipal, entre eles, o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores.
Tras cumprir coa tradición gastronómica, chegou a quenda da vertente relixiosa da celebración, cunha misa na parroquia de San Bartolomé e a posterior procesión polas rúas do centro ata a basílica de Santa María, cunha parada sobre as alfombras florais da Ferrería para unha oración.