Ence asegura que os investimentos na fábrica de Lourizán reforzan a súa fiabilidade ambiental
Por Oskar Viéitez
A Dirección da empresa ENCE asegura que os proxectos de investimento que está a acometer e proxecta na súa fábrica de Pontevedra supoñerán "novas melloras do seu comportamento e fiabilidade ambiental, que contribuirán a garantir que as instalacións da compañía sigan estando na cabeza do seu sector no cumprimento de todos os parámetros establecidos pola esixente normativa europea e española".
É a resposta que a compañía pasteira ven de facer pública nun comunicado no que lle da resposta ás recentes afirmacións da Asociación pola Defensa da Ría (APDR) de que os investimentos de Ence Pontevedra "van provocar un severo impacto ambiental". A compañía quere resaltar que estes proxectos "van reforzar a excelencia ambiental da biofábrica".
Segundo sinalan, as melloras previstas por Ence en Lourizán supoñen o uso de combustibles "altamente respectuosos coa contorna, seguros e máis eficientes enerxéticamente", como son o gas natural ou a coxeneración con biomasa, "o que supón un claro beneficio para o medioambiente de Pontevedra".
Así, explican neste comunicado oficial que o gas natural, "que evitará queimar fuel-oil na biofábrica", é o combustible fósil con menor impacto ambiental de todos os utilizados, tanto na etapa de extracción como na de transporte e utilización. Entre as súas vantaxes ambientais citan que produce unha menor cantidade de residuos na súa combustión, menores emisións de gases contaminantes por unidade de enerxía producida e presenta unha ausencia total de emisión de partículas sólidas, hollines, fumes, entre outras.
Doutra banda, afirman os responsables de Ence que "a coxeneración de enerxía con biomasa é unha enerxía renovable e autóctona", e sinalan que é moi eficiente desde o punto de vista enerxético, que utiliza biomasa forestal excedentaria da contorna da planta de produción. Ademais, destacan que contribúe, xunto á creación de emprego rural, ao aproveitamento de recursos enerxéticos locais e á limpeza dos montes, o que evita os incendios forestais.
Ence precisa que non está a construír ningunha regasificadora nas súas instalacións
Ence precisa que non está a construír ningunha regasificadora nas súas instalacións. "As regasificadoras son grandes infraestruturas industriais que non teñen nada que ver con Ence, e cuxa función é converter o gas natural licuado que vén á península por gasoduto ou barco metanero en gas natural para a súa distribución a través da rede de distribución gasista", argumentan.
Finalmente, Ence reitera a súa disposición para facilitar máis información á APDR, e aos cidadáns que o desexen, sobre as "importantes melloras ambientais" que está a levar a cabo na súa "biofábrica" pontevedresa.
Relacionadas:
-
O Concello asegura que Ence pretende construír unha nova cheminea de 70 metros de altura
Por Oskar Viéitez |
-
ENCE di que a utilización de gas natural como combustible de apoio en Lourizán minimizará as súas emisións
Por Oskar Viéitez |
-
Marea Pontevedra pónlle "deberes" a Pedro Sánchez: Anular a prórroga de ENCE
Por Oskar Viéitez |
-
A APDR pide á Xunta que paralice a tramitación do plan sectorial de ENCE
Por Oskar Viéitez |
-
Ordenan paralizar obras que ENCE realiza sen licenza no complexo industrial de Lourizán
Por Alejandro Espiño |
-
O segundo plan social de Ence atrae preto de medio milleiro de proxectos
Por Redacción |